DEMOCRACIA BURGUESA E FASCISMO
Harpal Brar
Maio do 2000

Tradución ao galego do orixinal en inglés por Estoutras Notas Políticas (Setembro 2007)
--------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

1. FASCISMO: CRECEMENTO REPENTINO?
2. QUE É O FASCISMO?
3. ITALIA
4. ALEMAÑA, A TRAIZÓN DA SOCIADEMOCRACIA
5. A SOCIALDEMOCRACIA AOS OLLOS DOS CAPITALISTAS
6. FASCISMO E DEMAGOXIA
7. FASCISMO E GUERRA
8. AS BASES DAS LIBERDADES DEMOCRÁTICAS NOS ESTADOS IMPERIALISTAS
9. SON ESTADOS COMO GRAN BRETAÑA, FRANCIA OU OS ESTADOS UNIDOS ALLEOS AO FASCISMO?


1. FASCISMO: CRECEMENTO REPENTINO?

Para os que aceptaron como incuestionábel as formas sociais existentes e a súa continuidade, para os que apostaron pola posibilidade dunha mellora progresista pacífica dentro destas formas sociais, e para os que cualificaron a alternativa revolucionaria como a fantasía dunha minoría, a vitoria do fascismo nun país avanzado e industrializado como Alemaña significou un choque brutal.

Para realizar unha análise acaída, é fundamental estudar o fascismo con relación ao carácter xeral do desenvolvemento social moderno, do que o fascismo é unha expresión, e apuntar ás forzas impulsoras da economía e a técnica, as cales chegaron a un punto que fan cada vez máis incompatíbeis as formas capitalistas existentes co desenvolvemento da produción e a utilización da técnica.

Hai unha loita entre elas – unha debe acabar coa outra. Ou o avance das forzas produtivas pon fin ao capitalismo, ou a existencia continuada do capitalismo provocará un progresivo parón na produción e na técnica que mergullará a miles de millóns de persoas do planeta na pobreza, miseria e guerra.

Estes son os dous únicos camiños, capitalismo ou socialismo. Non existe outra alternativa. Todas as esperanzas nunha terceira alternativa, que garantiría a realización do desenvolvemento pacífico e harmonioso sen a loita de clases a través da democracia capitalista, do capitalismo planificado, etc., son só soños imposíbeis. Estes soños de desenvolvemento pacífico son simplemente o eco de ideas pasadas, pertencentes á época do capitalismo liberal de libre competencia, unha época que desapareceu hai cen anos, e que non volverá endexamais. O capitalismo de libre competencia foi desenvolvido "na época do capital financeiro e dos monopolios, que levan aparellada por todas partes a tendencia á dominación e non á liberdade. A reacción xeneralizada, independentemente do réxime político; a exacerbación extrema das contradicións tamén nesta esfera: este é o resultado desa tendencia"(1), (Lenin, Imperialismo, fase superior do Capitalismo).

Nos nosos días, ningún dos principais estados imperialistas, por mor dun período de prosperidade e desenvolvemento económico sen precedentes como consecuencia das peculiares condicións que se deron após a Segunda Guerra Mundial, é ameazado por axitacións revolucionarias serias. Grazas a exportación da opresión e a violencia ao estranxeiro o poder mantén as formas democráticas. Porén, a cada vez máis profunda crise do imperialismo, obriga á clase capitalista dirixente a complementar estas formas democráticas con novos métodos ditatoriais e represivos -concentración dos poderes executivos, redución do parlamento a un teatro de diálogos baleiros, aumento da utilización de poderes extraordinarios e da violencia policial, restrición á liberdade de expresión, lexislación antisindical dacroniana, e oposición violenta ás folgas - como aconteceu coas folgas mineiras de 1984-1985(2) - e ás manifestacións. Isto aínda non é fascismo, máis a tendencia inequívoca conduce a formas fascistas de poder en todos os países capitalistas.

"O desenvolvemento das forzas produtivas do traballo social", observou Marx, "é a misión histórica e a xustificación do capital. Precisamente así crea inconscientemente as condicións materiais para unha forma de produción superior". (Marx, O Capital)

Recoñecendo este papel histórico do capitalismo, Marx abondou nas leis internas do desenvolvemento capitalista, advertindo, hai xa máis dun século, que chegaría unha etapa na que o capitalismo, lonxe de ser quen de organizar e desenvolver as forzas produtivas, afundiría a estas cada vez máis nun círculo vicioso de crises violentas, estancamentos e caídas, do que só poderían ser rescatadas polo proletariado. Esta é a esencia do Marxismo. E a súa expresión política é a ditadura do proletariado como condición para a solución dos problemas da nosa época.

Xa antes da fin da Primeira Guerra Mundial, Lord Leverhulme, o magnate da industria, afirmou:

"Cos medios que a ciencia puxo a nosa disposición, poderíamos asegurar alimento, vivenda e roupa para todos nós, cunha hora de traballo á semana desde a escola até a vellez".

Isto foi hai oito décadas. A produtividade medrou infinitamente. E, malia todo, a humanidade enfróntase á fame e á miseria, a ausencia de condicións básicas de hixiene e de auga potábel; enfermidades e morte.

Mentres que en épocas anteriores os humanos morrían como resultado da falta de alimentos, na nosa época, morren porque hai demasiado. O capitalismo é o primeiro sistema de produción que crea na sociedade "a absurda contradición de que os produtores non teñan nada que consumir por falta precisamente de consumidores" (Engels, Anti-Dühring).

Hai moito tempo que o capitalismo se fixo historicamente anticuado. Nada podería expresar mellor a quebra completa deste sistema que o feito de que, no medio dunha abundancia e dun poder produtivo sen precedentes, é incapaz de atopar os medios para explotar a unha crecente proporción da clase obreira, véndose na obriga de condenar a ducias de millóns de seres humanos capacitados e dispostos a traballar nas sobras dispoñíbeis. Enfrontado con semellante sistema, tan cruel como absurdo, o proletariado "...non ten outra opción que morrer de fame ou rebelarse" (Engels, A situación da clase obreira en Inglaterra).

As condicións obxectivas para esta rebelión proletaria xa estaban maduras ao comezo do primeiro período do imperialismo (capitalismo monopolista), e especialmente desde o comezo da crise xeral do capitalismo en 1914, que desembocou na Primeira Guerra Mundial. Porén, coa honrosa excepción do proletariado ruso, conducido polo Partido Bolchevique baixo a bandeira do marxismo-leninismo, a clase obreira de Europa foi derrotada. O capitalismo utilizou principalmente tres armas para afogar a revolución proletaria en Europa e acadar, temporalmente, a súa estabilidade.

A primeira destas armas foi a intervención directa das forzas contrarrevolucionarias: a guerra imperialista contra a nova república proletaria rusa ou o terror branco en Finlandia, Hungría e Polonia.

A segunda arma que empregou a burguesía para derrotar a loita da clase traballadora polo poder non era unha novidade: a socialdemocracia, que xa traizoara á clase obreira usando a lenda da defensa da "patria" no comezo da carnizaría imperialista que foi a Primeira Guerra Mundial. Como consecuencia desta guerra, a clase obreira, demasiado forte como para ser derrotada nunha batalla directa, foi esmagada a través do papel da socialdemocracia, papel que tristemente desenvolve na actualidade. A burguesía, mentres asía con forza os resortes do poder, facía crer que entregaba o poder á clase obreira estabelecendo gobernos socialdemócratas, encargados de facer o traballo sucio do capitalismo, como o tempo demostrou. Nun primeiro momento concédense algunhas demandas da clase traballadora: mellora nos salarios, promesas de nacionalización, fortalecemento da Seguridade Social, redución das horas de traballo, etc... No momento no que a burguesía asegura o control do poder todas estas concesións son limitadas, facendo que as condicións de vida dos obreiros empeoren até niveis incluso por debaixo do período de preguerra.

A terceira e última arma para estabilizar o poder burgués era a capacidade do capitalismo europeo para botar man das xigantescas reservas do imperialismo internacional. Os empréstemos americanos, como aconteceu ao remate da Segunda Guerra Mundial co chamado Plan Marshall, fixeron posíbel a reconstrución do mancado capitalismo europeo.

Esta reconstrución, construída con materiais tan inestábeis, non podía durar moito. A socialdemocracia, lonxe de cumprir a súa promesa de conducir a loita polo socialismo (aínda que fose pola vía pacífica, gradual, a través dos instrumentos ‘democráticos’), evidenciouse como un instrumento para levar a cabo a ofensiva dos capitalistas (e por medios non precisamente ‘democráticos’). Polas súas medidas coercitivas e disciplinares contra a clase obreira, a socialdemocracia foi provocando cada vez máis o rexeitamento e a desilusión. Como consecuencia, a socialdemocracia ficou ao descuberto como axente da burguesía ante a clase obreira, reducindo a súa eficacia como arma do capitalismo. Non é raro, xa que logo, que neste período a influencia e a base electoral da socialdemocracia diminuíran nos países europeos, mentres que o comunismo avanzou. En segundo lugar, apenas o capitalismo dos EE.UU. fornecera as bases para a reconstrución do capitalismo a escala global, o mundo contemplaba o derrubo americano, arrastrando consigo ao conxunto da estrutura do capitalismo. Incluso os éxitos do período da estabilización, co seu medre na produción e na capacidade produtiva, funcionaron como potenciadores das contradicións dos capitalismo, o que provocou unha crise sen precedentes de superprodución e saturación dos mercados. Aínda máis, as contradicións do capitalismo monopolista retardaron a resolución paso a paso da crise. Mentres que os xigantescos monopolios estaban en posición de manter enormes beneficios, incluso durante os peores momentos da depresión económica, a clase obreira, a pequena burguesía e os pobos coloniais, foron quen padeceron as peores consecuencias da crise. A pobreza das masas, nos estados imperialistas e nas colonias, non fixo outra cousas que acentuar os devastadores efectos da depresión, algo que chegaron a recoñecer certos sectores da burguesía que empezaron a falar da restauración dos anos 20 como un simple espellismo.

A extensión deste recoñecemento dentro do mundo capitalista marcou o troco na dirección política cara ao fascismo.

A etapa transitoria de estabilización provocou toda unha morea de mitos e ilusións (como acontece na actualidade coas bolsas de valores do imperialismo que xeran esas mesmas infundadas afirmacións, ilusións e mitos) que falan dunha nova era ("novo paradigma", na xerga actual) de "perpetua" prosperidade capitalista e dun desenvolvemento capitalista "harmonioso", encontrando a súa última expresión no "ultraimperialismo", concepto segundo o cal o desenvolvemento capitalista conduce inexorabelmente á creación dun único "trust" mundial, que rematará coa rivalidade interimperialista e provocará a chegada dunha era de produción racional e prosperidade universal. Seguindo coa teoría que o "ultraimperialismo" defendía, o capitalismo americano, xa na primeira parte do século XX, representaba un "novo tipo" de capitalismo que conseguira evitar a crise e as contradicións do vello capitalismo, resolvera o ciclo comercial e atopara o segredo da prosperidade eterna para a clase traballadora da man dos beneficios sempre a alza dos capitalistas.

Indubidabelmente, os líderes e os estadistas do capitalismo, cegados polo avance da produción durante o período da estabilización, compartiron estas ilusións. Por iso non nos ten que estrañar a proclama que o presidente Hoower realiza o 27 de xullo de 1928: "A perspectiva actual do mundo é, de lonxe, a maior expansión comercial na historia". Insistiu nesta idea o 11 de agosto de 1928, no discurso da súa reelección como candidato á presidencia dos EE.UU. por parte do Partido Republicano:

"O desemprego entendido como unha praga está desaparecendo... Na América de hoxe, estamos máis cerca do triunfo sobre a pobreza que en ningunha outra época da historia en ningunha parte do mundo. A miseria nos fogares está desaparecendo entre nós. Aínda non acadamos a meta, mais se temos a oportunidade de continuar coas políticas destes oitos anos pasados, pronto, coa axuda de deus, veremos chegado o día no que non exista a pobreza nesta nación" (New York Nation, 15 de xuño de 1932).

Como non podía ser doutro xeito, o principal instrumento para transmitir estas ilusións ás masas de Europa e América non foi outro que a socialdemocracia. Foron enviados aos Estados Unidos delegacións de traballo, cos gastos pagos polos gobernos capitalistas, desde Gran Bretaña, Alemaña e moitos outros países europeos, co único obxectivo de predicar o novo evanxeo da Terra Santa do Capitalismo. Esta pequena nobreza socialdemócrata, ao seu regreso, pronunciou dilixentemente o triunfo do capitalismo sobre o marxismo. Co seu control sobre as organizacións obreiras, especialmente sobre os sindicatos, a máquina socialdemócrata, apoiada polos poderosos e persuasivos instrumentos da propaganda burguesa, loou as grandezas do capitalismo americano, o fordismo, a racionalización, a era do capitalismo, etc., etc., coa única intención de desmoralizar á clase obreira, finando coas esperanzas dun futuro socialista, e sementados ilusións sobre un futuro prometedor baixo o capitalismo.

O subseguinte colapso económico, e con el o colapso de todas as teorías e ilusións do período da estabilización, provocou unha grande desilusión entre a pequena burguesía e certos sectores da clase obreira.

Mentres, enfrontados á contradición básica do capitalismo que se estabelece entre as forzas produtivas e as relacións de produción, e véndose na obriga de recoñecer a realidade de que o avance da técnica supera as formas existentes da organización social, os líderes do capitalismo tiveron que optar entre desfacer as formas existentes da organización social (é dicir, a propiedade privada dos medios de produción), xa que son incompatíbeis cos avances tecnolóxicos; ou manter os intereses dun sistema historicamente anticuado, limitando a técnica, restrinxindo a capacidade produtiva para baixala ao nivel de consume das masas empobrecidas, suprimir a loita de clases, intensificar a opresión de clase, e botar man da guerra como única saída da lameira. Noutras palabras, a destrución das forzas produtivas, a rebelión contra as máquinas, contra a ciencia, contra a democracia parlamentar, e a guerra comercial seguida por unha auténtica guerra como solución final. Sabemos que opción escolleu a burguesía na defensa dos seus intereses egoístas de clase. Optou pola segunda das alternativas. A fin do período de estabilización abriu o camiño para a nova fase, a máis completa e consistente expresión do que é o fascismo. "Como a Cama de Procrusto(3), o capitalismo moderno, na súa etapa de decadencia extrema, busca encaixar o corpo torturado da humanidade" (Palme Dutt, Fascismo e Revolución Social).


2. QUE É O FASCISMO?

Lonxe de ser unha teoría independente creada en oposición ao capitalismo, ou unha ideoloxía independente da pequena burguesía hostil tanto ao proletariado como ao capitalismo monopolista, o fascismo é, pola contra, a máis consumada expresión, en certas condicións de decadencia extrema, das principais tendencias políticas do capitalismo na súa etapa imperialista. O fascismo é a resposta na práctica da burguesía imperialista á ameaza da revolución proletaria. É un movemento de masas contrarrevolucionario que, contando co total apoio da burguesía, desprega unha mestura de demagoxia social e métodos terroristas co obxectivo de esmagar a revolución e fortalecer a ditadura do capital financeiro. Para definir o fascismo e situalo na súa realidade concreta, hai que expoñer a súa base de clase, o sistema de relacións de clase no que nace e no que funciona, e o papel de clase que lle asigna o capital financeiro e que tan ben cumpre. Calquera tentativa de separar o fascismo do seu proxenitor -a ditadura burguesa- só pode conducirnos a afirmacións absurdas, como as que escribe o Daily Herald, órgano oficial do Partido Laborista e do Trades Union Congress, o mesmo día no que os Nazis tomas e secuestran os sindicatos na Alemaña.

"O nacionalsocialismo, compre lembralo, chámase Socialista, así como Nacional. O seu Socialismo non é o Socialismo do Partido Laborista, ou de ningún outro Partido Socialista recoñecido noutros países. Mais, desde moitos puntos de vista, é un credo que repugna aos grandes propietarios, aos grandes industriais e aos grandes financeiros.

"E os líderes nazis están obrigados a progresar na vertente socialista do seu programa".

As liñas citadas arriba, sen dicir nada sobre o 'socialismo' dos nazis, revelan moito sobre o 'socialismo' do Partido Laborista e o T.U.C., así como tamén o forte respaldo á liña dos líderes do imperialismo, segundo a cal o fascismo é simplemente unha vertente do socialismo -unha vertente moi pouco ortodoxa, máis non por iso un "perigo para os grandes propietarios, os grandes industriais e os grandes financeiros", quen, curiosamente, o financiaron profusamente antes de situalo no poder no importante período no que os fascistas asumen a oficina gobernamental, así como tamén durante a etapa da ditadura fascista. En ningún outro país conquistara o fascismo o poder. Foi alimentado e permitiron que medrara, foi salvado da extinción nos primeiros momentos a mans do movemento da clase traballadora, e finalmente foi colocado no poder, grazas ao apoio directo da burguesía. Podía confiar na axuda da maior parte da maquinaria do estado; o corpo oficial do exército, a policía e a xudicatura quen, mentres empregaban a máxima severidade coa oposición proletaria, trataban aos fascistas con total indulxencia.

Grazas á súa demagoxia social, o fascismo podía construír unha base de masas algo máis ampla apelando especialmente á pequena burguesía (tamén esmagada polo capital monopolista), así como ao lumpenproletariado e aos sectores máis desmoralizados da clase obreira, axudados polos grandes ladróns de luva branca das finanzas e da industria, así como polos grandes magnates da terra, todos eles soportes financeiros. Porén, unha vez no poder, encamiñou desapiadadamente a maquinaria estatal contra aqueles partidarios que foran o bastante crédulos para esperar políticas anticapitalistas dos nazis.

Xa no poder, abandonando a súa retórica anticapitalista, o fascismo amosou a súa verdadeira natureza de "ditadura terrorista do gran capital" (Programa da Terceira Internacional, 1928).

"O fascismo aparece cando un poderoso movemento da clase traballadora acada unha etapa de crecemento que suxire inevitábeis procesos revolucionarios, pero é controlado pola acción decisiva dos líderes reformistas... O fascismo é fillo do reformismo", (Palme Dutt, Labour Monthly, xullo de 1925).

3. ITALIA

Pasar dunha política e uns métodos liberais a unha política fascista non é un cambio repentino. Son as dúas metades dunha mesma política. Mentres as forzas da burguesía non están preparadas, botan man dos líderes reformistas para enfebrecer e rachar a ofensiva revolucionaria, ao tempo que preparan secretamente a eliminación directa polas armas do movemento proletario no seu momento xusto. Mentres enganan ás masas con falsas concesións, rachan a súa unidade por medio dos bos oficios da socialdemocracia, e os 'liberais’ e 'democráticos’ gobernantes equipan e arman secretamente ao fascismo. Cando se completa esta etapa, e coas forzas proletarias o suficientemente debilitadas, a violenta contrarrevolución ten o camiño despexado. A furiosa ofensiva do fascismo (en Italia como noutras partes) foi executada baixo a benévola protección dos gobernos liberais e socialdemócratas (Giolitti e os seus sucesores en Italia).

A experiencia italiana permítenos ver unha demostración clásica de transición de democracia burguesa a fascismo, da que podemos tirar tres conclusión principais que destapan importantes revelacións:

O movemento revolucionario en Italia estaba ferido, non pola burguesía nin polo fascismo, senón polas pobrezas e carencias internas da dirección revolucionaria, consecuencia do seu reformismo.

O fascismo aparece na escena para xogar o papel de heroe (baixo a protección militar e policial) para acosar e masacrar a un exército xa en retirada, despois de que o avance do proletariado fora quebrado desde dentro, e estendido no seu interior a desilusión, grazas aos Turatis e D'Aragonas do reformismo italiano.

A transición a unha clara ditadura fascista, lonxe de ser un cambio brusco nas política burguesas, foi, pola contra, a continuación da política burguesa a través doutros medios e nunhas novas condicións.

O fascismo foi procreado, alimentado e preparado dentro das condicións da democracia burguesa; e cando as condicións maduraron, foi colocado na posición de poder exercer a ditadura terrorista do grande capital sobre a clase obreira e outras capas intermedias.

4. ALEMAÑA, A TRAICIÓN DA SOCIALDEMOCRACIA

En novembro de 1918, a clase obreira alemá derrocara o vello estado e a súa vitoria era total:

"En novembro de 1918, a revolución era o único traballo do proletariado. O proletariado conquistou unha posición tan poderosa que os elementos burgueses, nun primeiro momento, nin intentaron resistir". (Kautsky, A Revolución Proletaria, 1931).

Como foi posíbel que esta situación de vitoria do proletariado, en tan só 15 anos, cambiara totalmente? A socialdemocracia é a resposta.

Aínda que a socialdemocracia alemá nacera do programa revolucionario marxista e tiña unha longa e gloriosa tradición, na era do imperialismo, o oportunismo, o cretinismo parlamentar, a corrupción, e as políticas economistas do sindicalismo, tiñan unha cada vez maior forza dentro do Partido. O comezo da Primeira Guerra Mundial en 1914 completou este proceso, co Partido Socialdemócrata de Alemaña (SPD) aberta e desvergonzadamente do lado do Kaiser Wilhelm, do militarismo alemán e da burguesía. Adoptando a lenda "defensa da patria" nunha depredadora guerra imperialista, a socialdemocracia alemá, como os seus homólogos noutros países europeos (a única e honorable excepción foron os bolcheviques en Rusia), traizoou á clase obreira e soterrou a bandeira do internacionalismo proletario. A revolución de novembro de 1918 foi organizada por elementos revolucionarios dispersos que se xuntaran, nas moi complicadas condicións de censura de guerra e censura de Partido, na ilegal Liga Espartaquista (fundada en 1916) e no Partido Socialista Independente (fundado en 1917).

O SPD non xogou ningún papel na vitoriosa revolución de 1918. Antes ao contrario, opúxose á revolución desde o primeiro momento. En Berlín, en 1922, Scheidermann declaraba:

"A imputación de que a socialdemocracia buscaba ou preparaba a revolución de novembro é unha ridícula e estúpida mentira dos nosos opositores". (Palme Dutt, op.cit.).

Cando estoupa a revolución, os líderes socialdemócratas ocuparon posicións ministeriais no Goberno de Coalición do Príncipe Maximilian von Baden. No período crítico, o seu executivo reclamou á poboación que non apoiara a revolución. Mais co triunfo da revolución o 9 de novembro, os líderes socialdemócratas correron xunto a Liebneckt e os Independentes para mendigar un posto no mando da revolución vitoriosa e formar un goberno conxunto. Sen ter en conta o consello de Liebneckt, os Independentes morden o anzol no nome da unidade e forman unha coalición cos socialdemócratas, é dicir, cos inimigos da revolución, os axentes da burguesía. Foi así como a influencia burguesa foi restaurada no corazón do novo réxime pola socialdemocracia traidora.

Lonxe de destruír a vella maquinaria estatal - o exército, a policía, a xudicatura e a burocracia reaccionaria - o goberno socialdemócrata protexeu o vello réxime con cada medida que tomou. No canto de armar ao proletariado para a defensa da revolución, non só reclamou o desarme dos traballadores senón que chegou a armar e equipar a un corpo espacial contrarrevolucionario baixo o mando de oficiais monárquicos ultrarreaccionarios. E foron estas tropas de Garda Branca quen afogaron a revolución proletaria en sangue. Liebneckt e Rosa Luxemburg foron asasinados brutalmente. Os seus asasinos, impunes, presumen do seu delito baixo a protección do goberno socialdemócrata. Constante e sistematicamente, coa aplicación dun terror ilimitado, a resistencia dos traballadores quebra desde finais de 1918. Co fracaso da revolución de 1918 motivado pola actuación da socialdemocracia, son erixidos os pilares do futuro ascenso do fascismo.

Non foi cegueira, tolemia ou estupidez, como os seus apoloxistas nos queren facer pensar, os líderes socialdemócratas actuaron así só para cumprir o desexo de "salvar Alemaña do bolchevismo", isto é, salvar o capitalismo. Para conseguir este obxectivo, a socialdemocracia non dubidou en cometer todo tipo de delitos e vexames contra o proletariado.

Mentres os corpos armados contrarrevolucionarios ilegais foron protexidos e tolerados pola socialdemocracia e pola Entente, a tentativa de autodefensa dos traballadores coa organización dunha Fronte Vermella foi reprimida brutalmente polo socialdemócrata Ministro de Interior en 1929. Así foi construída a República de Weimar, que existiu desde 1918 até 1932, sobre a base dunha coalición entre a burguesía e a socialdemocracia. Durante a maior parte destes anos, a socialdemocracia formou parte do Goberno Federal (desde 1918 até 1925, baixo a presidencia de Friedrich Ebert, e a partir de 1928 até 1930, no gabinete de Hermann Müller). A policía estaba nas mans de políticos socialdemócratas. Polo que non é esaxerado afirmar que o fascismo acrecentou o seu poder baixo a protección da socialdemocracia.

Sobre o papel a República de Weimar era "a mellor democracia do mundo", pero o certo é que constituía un instrumento para o mantemento das institucións reaccionarias do vello réxime. A República de Weimar apelou aos antigos monárquicos e xenerais para defendela dos comunistas, dando pé á represión violenta contra os traballadores, co frecuente recurso á lei marcial e a poderes extraordinarios contra o proletariado. Por iso, un afamado xornalista burgués americano, Mowrer, que non sentía ningunha arela revolucionaria, tivo que dicir desta ‘república democrática’:

"Unha virxinal República que apela aos antigos monárquicos e xenerais para defendela contra os Comunistas!...

"Que podemos dicir dunha república que permite que as súas leis sexan interpretadas por xuíces monárquicos; o seu goberno é administrado por antigos funcionarios criados na fidelidade ao vello réxime; que mira pasivamente como profesores reaccionarios ensinan aos rapaces a desprezar a liberdade actual a favor dun pretensioso pasado feudal; que permite e anima o renacemento dun militarismo responsábel principal da última humillación?


"Que se pode dicir de demócratas que subvencionan a antigos príncipes que atacan ao réxime; que fan ao ex Emperador o home máis rico en deferencia a uns supostos dereitos de propiedade...? Esta República pagou xenerosas pensións a milleiros de ex oficiais e funcionarios que fixeron todo o posíbel por derrocala." (Edgar Ansel Mowrer, Germany puts the clock back, citado en Palme Dutt, op.cit.pp.).

Eran estas exactamente as condicións nas que se moveu o fascismo para utilizar o descontento estendido, as privacións económicas e a cólera xeneralizada contra o humillante Tratado de Versalles co seu humillante tributo. Isto puido facelo porque a socialdemocracia alemá, malia ter o control sobre a maioría da clase obreira, no canto de darlle o mando nestas cuestións a esta, optou por se identificar completamente co capitalismo, co vello réxime de Versalles e coa represión das masas proletarias. Aínda máis, o réxime democrático burgués axudou ao fascismo a aumentar os seus corpos armados protexéndoos e axudándoos directamente desde a maquinaria estatal -policía, xudicatura, exército e grandes capitalistas- até colocalos finalmente no poder.

O fascismo alemán non tiña ningunha posibilidade de chegar ás masas e erguer así unha ampla base de masas sen ondear a bandeira do 'socialismo'. Nesa época a propaganda nazi caracterizábase por unha mestura ecléctica entre demagoxia contraditoria e pouco escrupulosa, antisemitismo visceral, retórica anticapitalista salvaxe, e denuncia chauvinista do Tratado de Versalles. No seu Mein Kampf, nun parágrafo suprimido desde a 12ª edición, en 1932, Hitler afirmaba:

"O alemán non ten a máis mínima noción de como enganar á xente para buscar a adhesión das masas". O modelo de Hitler era a propaganda de guerra británica, que era obxecto da súa admiración como o mellor exemplo da mentira demagóxica.

O dramático avance do fascismo alemán desde 1930 até 1932 explícase polo feito de que a crise económica mundial non só minou toda a base da estabilización capitalista e da República de Weimar, senón que tamén minou a posición da socialdemocracia, que tivo unha boa parte de culpa. A crise económica e o réxime de fame de Heinrich Brüning acabaron finalmente coas promesas e os contos de fadas da socialdemocracia verbo do progreso democrático pacífico e a prosperidade do capitalismo. Co medre da desilusión na socialdemocracia, os traballadores conscientes da súa clase pasaron ao comunismo, mentres que os elementos politicamente atrasados entraron no campo fascista. Entre 1930 e 1932, a socialdemocracia perdía 1.338.00 votos mentres que o Partido Comunista aumentaba en 1.384.000. Con esta socialdemocracia minada, enfebrecida e desacreditada, incapaz xa de frear o avance do comunismo e a consecuente polarización da sociedade en dous bandos claramente definidos e hostís, o capitalismo alemán requiría novos métodos e novos instrumentos. Afrontando unha crise económica sen precedentes, a burguesía precisaba desesperadamente acabar cos avances sociais - salarios, horas de traballo e lexislación laboral - produto da Revolución de 1918 e que constituían os pilares da influencia da socialdemocracia entre o proletariado. No canto das concesións dos primeiros anos após a revolución, o capitalismo tiña que poñer en marcha medidas draconianas de privación económica destinadas á clase traballadora. Para acadar estes obxectivo, tendo en conta a existencia dun poderoso Partido Comunista, cunha forte e crecente influencia nunha clase obreira que cada vez máis lle daba ás costas á socialdemocracia, o capitalismo alemán precisou dunha nova forma - agora sen camuflar - de ditadura. A socialdemocracia foi apartada do Goberno Federal e substituída pola ditadura de Heinrich Brüning, que gobernou por medio de decretos sen contar co parlamento, aínda que seguiu a contar co apoio da socialdemocracia. Foi a partir deste período -desde a etapa da ditadura de Brüning- cando a esmagadora maioría dos capitalistas e propietarios alemáns deron o seu apoio ao nacionalsocialismo, até agora só apoiado en canto instrumento da súa ditadura terrorista. Se a socialdemocracia buscara unha alianza cos comunistas para construír unha resistencia conxunta á ditadura de Brüning, é absolutamente razoábel supoñer que a ofensiva capitalista nunca conseguiría ter éxito. Pero, no nome da política do "menos malo", a socialdemocracia apoiou a ditadura de Brüning e os seus ataque contra a clase traballadora. Con isto reforzou o capitalismo, debilitou a fronte dos traballadores e desorganizou as filas do proletariado, xogando un bo papel para o fascismo. Esta desorganización das forzas do proletariado no período crítico de 1930-1932 significou que a iniciativa pasou a mans dos fascistas, sen que os comunistas puideran tirar réditos do descontento xeneralizado pola fame, que si reforzou o campo fascista.

Antes de que os nazis subiran ao poder, o Partido Comunista xunto coa RGO (Oposición Sindical Revolucionaria) publicaron chamadas ao Partido Socialdemócrata e a Federación Sindical Xeral Alemá - Allgemeinen Deutschen Gewerkschaftsbund (ADGB) - para a acción conxunta de todas as organizacións obreiras contra o inminente recorte dos salarios (petición de abril de 1932), contra a política de decretos de emerxencia e pola disolución das Storm Troops(4) (petición do 20 de xullo de 1932). Estas dúas peticións foron rexeitadas baixo a escusa de que un chamamento á folga constituía unha provocación, e que eran as urnas o único instrumento válido contra o fascismo. Unha nova petición para a formación dunha fronte única foi publicada polo Partido Comunista o 30 de xaneiro de 1933, após converterse Hitler no novo Canciller. Este chamamento á unidade gozou dun apoio tan grande que o SPD, malia non contestar oficialmente, tivo que explicar a súa negativa nas súas propias publicacións. Rexeitando expresamente toda acción conxunta contra Hitler, esgrimindo que este conseguira o poder legalmente, o Partido Socialdemócrata propúxolle ao Partido Comunista un pacto de non agresión, é dicir, absterse de realizar críticas verbais mutuas. A cuarta chamada para constituír unha fronte única, o 1 de marzo de 1933, despois do incendio do Reichstag e cando os nazis xa destaparan o seu terror, tampouco foi respondida pola dirección socialdemócrata, atarefada en chegar a un entendemento cos hitlerianos para que os socialdemócratas fosen tolerados baixo o fascismo. Algúns ignorantes critican ao Partido Comunista por non ter buscado a unidade coa dirección socialdemócrata e cos sindicatos antes de 1932, contribuíndo así ao fracaso da clase obreira en frustrar o avance fascista ao poder. Esta crítica é totalmente infundada, xa que non ten en conta a realidade concreta da Alemaña nesa época. Cando o socialdemócrata Karl Severing, na súa condición de Ministro de Interior, mandou disparar contra as manifestacións dos traballadores o Primeiro de Maio de 1929, sería absurdo solicitar á dirección socialdemócrata unha fronte única para defender aos traballadores. Porén, cando Von Papen expulsa do goberno a Otto Braun e Karl Severing, a situación muda, presentándose a oportunidade para crear unha fronte única, polo que o Partido Comunista enviou a súa oferta ao SPD e á ADGB. A categórica negativa destas dúas organizacións á oferta dos comunistas asegurou a vitoria do fascismo.

Así, a construción dunha fronte única da clase obreira, única posibilidade de derrotar ao nazis, foi imposíbel por mor da obstinada resposta negativa da socialdemocracia de cooperar cos comunista, unha resposta negativa que preparou o terreo para o ascenso dos fascistas ao poder. Esta actitude da socialdemocracia concorda totalmente coa súa liña de colaboración de clase coa burguesía e a súa confianza no estado burgués -unha liña política seguida incluso durante a ditadura, baixo Hindenburg, Brüning e Von Pepen, declarando que eles eran un "mal menor" comparado coa vitoria absoluta do fascismo. Lonxe de ser un mal menor, estas formas de ditadura preparaban simplemente o terreo para a vitoria completa do fascismo, destruíndo, paso a paso, a resistencia da clase obreira. Co seu traballo feito, entregaron o poder estatal aos hitlerianos. Hindenburg foi nomeado presidente co apoio da socialdemocracia, e só un anos despois, el mesmo designa Canciller a Hitler.

Sen éxito nos seus esforzos por asegurar a cooperación da socialdemocracia nunha fronte única da clase obreira contra os ataques do capital e os réximes ditatoriais, o Partido Comunista cando menos foi capaz de erguer unha fronte parcial, posibilitando o medre da resistencia da clase obreira, que culminou na folga do transporte en Berlín en novembro de 1932. A folga foi liderada pola opositora RGO, despois de que os funcionarios do sindicato oficial se negaran a apoiar a folga que fora votada maioritariamente polos traballadores. Paralelamente, as eleccións de novembro de 1932 amosaron a crecente resistencia da clase obreira: mentres que o voto nazi caía en 2 millóns e o voto socialdemócrata en 700.000, o Partido Comunista aumentaba en 600.000, chegando case aos 6 millóns. O día 17 dese mesmo mes de novembro, Von Papen é obrigado a abandonar o seu cargo, e esta dimisión vai seguida de longas negociacións entre Hindenburg e Hitler. Ante o crecente reforzamento obreiro, considerouse inoportuno instalar a Hitler como Canciller, polo que decidiron designar a Von Schleicher. Este fixo unhas poucas concesións á clase obreira, recibindo o aplauso das direccións do Partido Socialdemócrata e do sindicato oficial, e logrando rebaixar a resistencia da clase obreira que estaba baixo a nociva influencia da socialdemocracia. Unha vez que as condiciones eran as acaídas, Hitler foi designado Canciller o 30 de xaneiro de 1933. O refluxo da marea fascista que se evidenciou nas eleccións de novembro de 1932, lonxe de sinalar o comezo da súa fin, como así pregoaba a socialdemocracia, simplemente convenceu á burguesía que debía apresurarse a instalar no poder aos fascistas antes de que se afundiran irremediabelmente e que os comunistas conquistasen o poder.

"Despois da derrota dos Nacional Socialistas nas eleccións do Reichstag de novembro, os grandes homes de negocios alemáns decidiron que o perigo inmediato estaba nunha desintegración demasiado rápida do Partido Nacional Socialista" (Hoover, Germany Enters the Third Reich, citado en Palme Dutt, op. cit.)

Entón, os grandes capitalistas decidiron instalar aos fascistas no poder co único obxectivo de permitir que utilizaran o estado para reconstruír as súas forzas e aniquilar a toda a oposición.

Debilitar a vontade de resistir da clase obreira alemá non foi obra do fascismo senón da socialdemocracia, cuxos dirixentes non vían mal a perspectiva dun goberno nazi. Así, en abril de 1932, Karl Severing afirma: "O Partido Socialdemócrata ve positivo, tanto como o Partido Católico, que os Nazis compartan responsabilidades de goberno". (Citado en Palme Dutt, op. cit.).

Para acadar o poder absoluto, Hitler armou ás Storm Troops, incorporándoas ao corpo de policía auxiliar, coa responsabilidade especial de vixiar as eleccións que terían lugar o 5 de marzo. Eliminou toda a prensa comunista e socialdemócrata, os principais militantes foron detidos, prohibiu as reunións e a propaganda obreiras, puxo en marcha un réxime de terror, e celebrou as eleccións nestas condicións. Polo que estas eleccións, realizadas "baixo as cadeas do vil terrorismo", como correctamente comentou o Daily Herald o 4 de marzo de 1933, e acompañadas dunha morea de irregularidades (nalgúns distritos houbo máis votos que electores), dificilmente podían reflectir os desexos do pobo alemán. Ignorando todo isto, a socialdemocracia botou man con impaciencia do pretexto de que Hitler conseguira un ‘mandato democrático’, e que non era xustificábel opoñerse a el agás cunha "oposición parlamentaria leal". Levando o cretinismo parlamentario até o extremo de apoiar un réxime terrorista fascista porque tiña a maioría no Parlamento, sen ter en conta que esta maioría foi grazas a unhas eleccións celebradas baixo o terror das baionetas, Stampfen, o antigo editor de Vorwärts, escribe:

"A vitoria dos partidos do goberno fai posíbel gobernar respectando estritamente a constitución.

"Tan só teñen que actuar como un goberno legal para que nós sexamos unha oposición legal; se optan por utilizar a súa maioría para levar a cabo medidas acordes co marco constitucional, seremos unha oposición xusta".


Pola súa banda, Kautsky, contemporáneo do líder da Segunda Internacional e considerado como o mellor teórico marxista despois da morte de Marx, mais desde había xa tempo defendendo posicións totalmente dexeneradas, escribía:

"A ditadura conta co respaldo das masas".

Kautsky percorrera un longo camiño desde que en 1906 publicara o seu famoso O camiño do Poder. Desde que comezara coas súas posicións oportunistas nas súas cuestións sobre as tarefas da revolución proletaria no estado burgués, polo seu apoio á imperialista Primeira Guerra Mundial e a súa oposición á revolución proletaria en Rusia, el caera moi abaixo, chegando a embelecer o réxime nazi defendendo que fora creado co apoio das masas.

William Norman Ewer do Daily Herald, escribira que o triunfo de Hitler era "...unha vitoria para a democracia" porque el "chegara ao poder a través do máis estrito respecto á constitución... Por suposto que houbo certos actos de intimidación. Sempre existen... As estatísticas son a proba de que as eleccións foron practicamente libres". ("Why Hitler Triumphed", Plebs, Abril de 1933, citado en Palme Dutt, op. cit.).

Deste xeito tentou a socialdemocracia tapar o seu servilismo ao fascismo, primeiro non facendo caso das condicións de terror baixo as que tiveron lugar as eleccións do 5 de marzo, e despois empregando esta burla de eleccións como argumento de lexitimidade democrática do réxime fascista.

A desprezábel e vergonzosa liña da socialdemocracia continuou despois das eleccións nun van intento de gañar o favor dos fascistas. O discurso do líder socialdemócrata, Otto Wels, na apertura do Reichstag o 23 de marzo, foi unha clara expresión desta liña. El, como líder do partido, renunciou abertamente a formar parte do Comité Executivo da Segunda Internacional, acusando a esta de propagar "historias atroces" contra os fascistas. A dirección sindical declarou a súa boa disposición a cooperar cos nazis, aclamando na súa prensa á “revolución” fascista, como unha triunfante "continuación da revolución de 1918". Facendo fincapé en que o inimigo era o comunismo, e que o 'socialismo' dos nazis era un "asunto alemán" (Sozial Demokratischer Pressedient, 9 de marzo de 1933, citado en Palme Dutt, op. cit.). Acadando as cotas máis altas de degradación e de traizón á clase obreira, o comité executivo dos sindicatos fixo unha chamada oficial aos traballadores para que participaran nos actos dos hitlerianos o Primeiro de Maio.

"Os líderes sindicais selaron a súa reconciliación co novo poder de Alemaña", podíase ler no Daily Herald do 24 de abril de 1933.

O intento dos reformistas socialdemócratas de xogar o papel dun adxunto tolerado do fascismo fracasou, en parte polo feito de que un enorme número de traballadores das grandes fábricas rexeitaron o chamamento dos seus líderes e non participaron nas manifestacións nazis do Primeiro de Maio. Unha vez que quedou demostrado con claridade que os líderes socialdemócratas non podían controlar aos traballadores para servir aos fins fascistas, tan só un día despois, o 2 de maio, os nazis asiron as rendas das unións sindicais, inseríndoas na súa propia fronte sindical, mandaron aos líderes sindicais a prisión, e no seu lugar designaron a funcionarios nazis.

"Os Leipart e os Grassmanns", declarou Robert Ley, líder da Fronte do Traballo Nazi, "poden profesar a súa devoción a Hitler, pero están mellor en prisión" (citado in Palme Dutt, op.cit.).

Pola súa banda, o Partido Socialdemócrata, despois da súa traxectoria de humillación, degradación e capitulación, acabou desaparecendo. O 17 de maio todos os seus membros no Reichstag votaron a favor do goberno fascista e participaron na aclamación unánime a Hitler. De pouco valeu a súa total submisión. Todas as propiedades do SPD foron confiscadas, e o 22 de xuño a organización foi declarada 'disolta'.

Así, a burguesía obrigaba á socialdemocracia a continuar o seu traballo na ilegalidade, podendo servir así mellor á clase dominante no caso dunha axitación revolucionaria que identificándose abertamente co fascismo.

A honra de ser a única oposición consistente á burguesía, e particularmente ao fascismo, correspóndelle ao Partido Comunista. O equilibrio de forzas entre clases que se deu durante o período estudado imposibilitou que coroara os seus esforzos con éxito, pero do que non pode existir dúbida é de que a súa liña foi a correcta, e que defendeu esta liña dentro do movemento da clase traballadora sen medo.

Tendo en conta o anterior, podermo enumerar as razóns da vitoria temporal do fascismo:

- A estrangulación da Revolución de 1918 no nome da 'democracia’ por parte da socialdemocracia e dos sindicatos, e a restauración do poder dos capitalistas, dos propietarios e das vellas institucións reaccionarias;

- A axuda da socialdemocracia e dos sindicatos aos sucesivos réximes de emerxencia e ditatoriais que conducen á toma do poder polos nazis;

- O rexeitamento da socialdemocracia e dos sindicatos da fronte única da clase obreira;

- A negativa dos socialdemócratas e da dirección sindical a resistir a Hitler no seu ascenso ao poder ou no comezo do terror nazi.

Como sinalou correctamente Palme Dutt: "A experiencia de Alemaña desde 1918 até 1933 é a clásica demostración diante da clase obreira internacional de como unha revolución obreira pode ser destruída e caer no máis profundo sometemento da clase obreira. É a demostración, diante da clase obreira internacional, de que o camiño da democracia burguesa conduce, paso a paso, á súa derrota inexorábel" (op.cit.).

En Austria tamén "a vitoria da revolución proletaria... estaba totalmente nas mans da clase traballadora en 1918-1919, e só foi evitada pola socialdemocracia. Esta era a opinión estendida, e admitida polos propios líderes socialdemócratas. Otto Bauer retrata a situación a finais da guerra no seu libro A revolución austríaca de 1918:

“’Había unha tremenda axitación nas barricadas do exército popular. O exército popular sentía que era o portador da revolución, que era a vangarda proletaria... Os soldados agardaban a vitoria do proletariado coas armas nas mana... ‘Ditadura do proletariado! Todo o poder aos Soviets!’ era o único que se escoitaba nas rúas.’

“Continúa:

“ ‘O goberno burgués non sería quen de enfrontarse a este feito. Fora desarmado pola desconfianza e o desprezo das masas. Fora derrocado nunha semana pola sublevación da rúa e desarmado polos seus propios soldados.

“ ‘Só os socialdemócratas podían manexar con seguridade unha situación tan difícil e sen precedentes, porque gozaba da confianza das masas obreiras... Só os socialdemócratas podían deter pacificamente esas demostracións de forza a través da negociación e a persuasión. Só os socialdemócratas podían dirixir o exército popular e conter a aventura revolucionaria das masas obreiras... A profunda axitación da orde social burguesa foi tal que se fixo impensábel un goberno burgués no que non participan os socialdemócratas.’

“O papel da socialdemocracia austríaca foi, de feito, o mesmo que o da socialdemocracia alemá. A forza da revolución obreira foi destruída deliberadamente pola socialdemocracia no nome da ‘democracia’ burguesa”
(Palme Dutt, op. Cit.).

O desenvolvemento do fascismo en Italia, Alemaña e Austria revela con total claridade que o papel da socialdemocracia é crucial no ascenso do fascismo ao poder. Sen comprender esta interrelación entre a socialdemocracia e o fascismo, é imposíbel comprender a política capitalista desde a fin da Primeira Guerra Mundial, que marcou a aberta deserción da socialdemocracia e o seu paso ao bando da burguesía.

Os partidos socialdemócratas xogaron un fundamental papel na destrución de revolucións obreiras nos anos inmediatamente posteriores á Primeira Guerra Mundial, no ascenso do fascismo nos anos seguintes, e na loita contra o comunismo desde a Segunda Guerra Mundial.

5. A SOCIALDEMOCRACIA AOS OLLOS DOS CAPITALISTAS

Se queremos coñecer a visión clara, racional e fría que o capital financeiro ten do papel que a socialdemocracia e o fascismo teñen no mantemento do capitalismo, temos que facer unha breve referencia ao Deutsche Führerbriefe (Cartas aos Líderes), o boletín confidencial da Federación da Industria Alemá (FGI) durante o crucial ano de 1932. Publicado para circular confidencialmente entre os xefes das finanzas agrupados na FGI, os números 72 e 75 incorporan o estudo ‘The Social Reconsolidation of Capitalism’, notábel pola súa sinceridade e claridade.

A tese principal do escritor destas comunicacións confidenciais é a de que a continuación do sistema capitalista reside na división da clase obreira; o maior perigo para o capitalismo é unha clase obreira unida, contra a que é inútil calquera forza armada por moi grande que esta sexa; xa que logo, a burguesía precisa dunha base social que vaia alén das súas estreitas fileiras, xa que é “demasiado pequena como para poder soster o poder por si propia”; após a Segunda Guerra Mundial esta base social foi proporcionada pola socialdemocracia, que ofreceu ao capitalismo o “seu servizo indispensábel para ancorar o seu poder sobre o pobo, e deste xeito ser os portadores reais e finais deste poder.”

Se a socialdemocracia permitiu sentar as bases para a continuidade do poder capitalista dividindo á clase obreira, como provocou esta división? Cal, noutras palabras, é a base social da socialdemocracia? A resposta que o representante da capital financeiro dá a esta extremadamente imporante cuestión presenta unha rechamante semellanza coa análise leninista no tocante ás razóns da fractura na clase obreira nos países imperialistas. Estamos a falar das privilexiadas condicións, motivadas polas concesións, das capas superiores da clase obreira – a aristocracia obreira. Coa súa influencia e control sobre os sindicatos, a socialdemocracia, mentres paralizaba o potencial revolucionario da clase obreira, “foina encadeando con rapidez ao estado burgués”. A fin do período de estabilización económica capitalista co comezo da crise económica, porén, obrigou á burguesía a eliminar as anteriores concesións á clase obreira, minando a influencia da socialdemocracia e abrindo ás portas ao perigo do aumento da influencia e da vitoria do comunismo. Co desprestixio da socialdemocracia por mor da crise económica, “o poder da burguesía terá que enfrontarse á necesidade do establecemento dunha ditadura militar. Esta fase marcará o comezo da fase da incurábel enfermidade do poder burgués. O único medio posíbel de salvar o estado burgués deste abismo é dividir á clase obreira e atala ao aparello do Estado por medios máis directos. Estas son as posibilidades e as tarefas do nacionalsocialismo”.

É dicir, as condicións cambiantes fixeron necesario un troco na forma de estado. Se o encadeamento da clase obreira ao estado burgués, organizado pola socialdemocracia, precisa dunha forma parlamentar de goberno, a perda de influencia da socialdemocracia, consecuencia da crise e a retirada das concesións á clase obreira, obriga ao capitalismo a pasar a unha forma non parlamentar, unha forma de poder coercitiva, unha forma fascista.

“Un réxime burgués baseado nunha constitución liberal non debe ser só parlamentar; debe depender do apoio da socialdemocracia e permitirlle logros suficientes. Un réxime burgués que destrúe esta forma liberal debe sacrificar a socialdemocracia e o parlamentarismo, debe crear un substituto para a socialdemocracia, e debe camiñar cara a unha constitución restritiva no social” - falando claro, debe camiñar cara ao fascismo.

O autor do Deutsche Führerbriefe atopa un paralelismo abraiante entre o papel da socialdemocracia entre 1918 e 1930 e o do fascismo despois de 1930:

“O paralelismo é realmente asombroso. A democracia social de entón (de 1918 a 1930) e o actual nacionalsocialismo realizan funcións semellantes. Os dous proclámanse os sepultureiros do sistema en vigor, mais, despois, no canto de conducir ás masas cara á revolución proclamada por eles, lévaas a unha nova forma de poder burgués. A comparación que a miúdo foi debuxada entre Ebert e Hitler é tamén válida a este respecto. Ambos os dous apelan aos desexos anticapitalistas de emancipación; os dous prometen unha nova república ‘social’ ou ‘nacional’.”

A súa conclusión é: “O paralelismo demostra por si mesmo que o nacionalsocialismo relevou á socialdemocracia na tarefa de conseguir o apoio das masas ao poder da burguesía na Alemaña.”

A anterior análise, malia conter moitos aspectos válidos, necesita ser corrixida e completada. O autor fala como se o fascismo asumira o papel (o de prover ao poder burgués do apoio das masas) que antes realizaba a socialdemocracia, co fascismo e a socialdemocracia exercendo papeis idénticos en períodos e condicións diferentes, e empregando, xa que logo, formas de goberno e métodos distintos. Unha análise demasiado simplista. O feito é que existen xuntos, cada un realizando un papel concreto, complementándose mutuamente. Mentres que o fascismo se apoia nunha base social composta principalmente por sectores da pequena burguesía, os elementos desclasados e os traballadores atrasados, a socialdemocracia bota man dos sectores privilexiados da clase obreira organizada. Incluso despois da vitoria do fascismo, a influencia, a ideoloxía e as tradicións da socialdemocracia continúan no seu papel funesto e desorganizador, evitando a aparición dunha fronte única da clase obreira para encarar e derrotar ao fascismo. Se máis adiante a ditadura fascista perde forza, entón a socialdemocracia irá en rescate do capitalismo.

O que é indubidábel é que tanto a socialdemocracia como o fascismo son axentes do capitalismo monopolista; os dous loitan con uñas e dentes contra as arelas de emancipación social da clase obreira.

Os seus métodos son, porén, diferentes. Mentres que o fascismo rompe ás organizacións da clase obreira desde fora, opoñéndose á totalidade dos seus principios que contrarresta cunha alternativa ideolóxica ‘nacional’, a socialdemocracia mínaas desde o interior empregando as canles do reformismo burgués. Mentres o que o fascismo confía principalmente na coerción, xunto co engano, a socialdemocracia confía principalmente no engano, xunto coa coerción. Os seus obxectivos son idénticos; só varían os seus métodos. En vista disto, un non pode estar en desacordo coa observación que Stalin fai a principios de 1924: “A socialdemocracia representa obxectivamente a facción moderada do fascismo.” (Concerning the International Situation, Collected Works).

O fascismo é un produto da crise xeral do capitalismo após a Primeira Guerra Mundial. De feito, é “consecuencia do aborto da revolución proletaria” (Palme Dutt, op. cit.).

Desde 1914, cando a socialdemocracia abandona o marxismo e o internacionalismo (agás o Partido Laborista británico, que xamais foi marxista e sempre foi chauvinista), comeza a desenvolver unha tendencia ideolóxica semellante ao fascismo. Defensa da unidade dos intereses da clase obreira e do capitalismo monopolista, abandono total do internacionalismo, do socialismo – incluso da fraseoloxía revolucionaria que empregaba para agochar a súa total subordinación ao capitalismo -, decidida oposición ás loitas de liberación nacional contra a explotación e a opresión imperialistas, e hostilidade total ao marxismo, a ideoloxía do proletariado moderno. Estes principios da socialdemocracia non son moi distintos das ideas forza do fascismo. É máis, a socialdemocracia preparou as bases ideolóxicas para o ascenso do fascismo.

A socialdemocracia emerxeu da Primeira Guerra Mundial cos obxectivos de derrotar á revolución da clase obreira e reconstruír a maltreita estrutura do capitalismo. De feito, realizou moi ben estas vergoñentas tarefas. Non houbo límites na súa teima por destruír a revolución – asasinato de líderes revolucionarios, prisión para milleiros de revolucionarios e represión xeneralizada. Asumiu responsabilidades gobernamentais e emprendeu a tarefa de acabar cos traballadores máis militantes, tamén fixo algunha concesión conseguindo pacificar a grande sectores, e todo isto co obxectivo de salvar os intereses do capital.

Cando a revolución foi derrotada e comezou o período de reconstrución e estabilización, a socialdemocracia engadiu un novo ingrediente a súa ideoloxía contrarrevolucionaria. Sostivo que o colapso do capitalismo non estaba entre os intereses da clase obreira; todo o contrario, a clase obreira precisaba dun capitalismo próspero como medio para avanzar cara ao socialismo (“é inútil socializar a miseria”, escribiu Kautsky); defendeu que o capitalismo, lonxe de camiñar cara á súa desaparición, avanzaba cara a unha nova era de ‘capitalismo organizado’; e que, polo tanto, era o deber da clase obreira cooperar e axudar neste novo desenvolvemento, no aspecto económico a través dos sindicatos (Mondismo, etc.), e politicamente a través dos partidos socialdemócratas e nos gobernos capitalistas.

Tarnov, o líder do principal sindicato alemán, declarou:

“O marxismo como ideoloxía principal do movemento da clase obreira sobreviviu. Pero un movemento realmente de masas non pode existir sen a súa correspondente ideoloxía, xa que logo, os líderes sindicais deben crear esta nova ideoloxía.”

Esta nova ideoloxía da que falaba Tarnov, era , de feito, moi vella e premarxista: a unión entre os intereses da clase obreira e da clase capitalista explotadora.

O Consello Xeral do TUC, no seu informe ao Congreso de Swansea en 1928, apostou abertamente polo Mondismo e a colaboración de clase, afirmando:

“A política última do movemento sindical atopará máis vantaxes nunha industria eficiente que nunha ruinosa, e os sindicatos poden utilizar o seu poder para promover e dirixir a organización científica da industria e obter así proveito material desta reorganización” (citado en Palme Dutt, op. cit.).

“A socialdemocracia é un elemento indispensábel do estado”, declarou Hilferding no Congreso do Partido Socialdemócrata Alemán en Kiel.

Trátase de incorporar á socialdemocracia, e aos sindicatos baixo o seu control, á estrutura estatal do capitalismo monopolista, co único propósito de consolidar a este último mentres cualifican este actividade vergoñenta como o avance do ‘socialismo’.

Neste sentido, o líder socialdemócrata alemán, Diffman, no Congreso do seu partido en Magdeburg continuou a proclamar:

“Nosoutros xa non estamos vivindo baixo o capitalismo; estamos vivindo no período de transición ao socialismo, economicamente, politicamente, socialmente... Na Alemaña temos dez veces máis logros socialistas por defender que os que teñen na Rusia”.

E cando a crise económica mundial asestou un brutal golpe a esta fantasía, lonxe de rectificar, a socialdemocracia adaptou a súa teoría oportunista, declarando que agora o traballo da clase obreira era rescatar ao capitalismo do perigo do caos e da revolución proletaria.

“Debemos ser os médicos do capitalismo enfermo”, foi a proclama do Partido Socialdemócrata Alemán no Congreso de Leipzig, en 1931.

Vandervelde, o presidente da Segunda Internacional, en 1932, levou á Cámara de Deputados de Bélxica esta desesperada súplica do imperialismo:

“O sistema capitalista está rachando por todas partes. Só se pode salvar con medidas serias e urxentes. Estamos na última hora. Teñamos coidado de que o proletariado, como Sansón, non acabe botando abaixo as columnas do templo”.

Montel, o socialista francés, xa en 1928, antes do comezo da crise, proclamara: “O Partido Socialista preséntase como o único partido capaz de salvar a sociedade burguesa” (citado en Palme Dutt, op. cit.).

Esta liña de razoamento teórico e propaganda deixa claro que a socialdemocracia facía obxectivamente todo o necesario para preparar o camiño á ideoloxía fascista e facilitar a súa subida ao poder. Incluso despois da vitoria fascista na Alemaña, o líder sindical alemán, Leipart, ofreceu unha alianza á sanguenta ditadura hitleriana.

A esencia da socialdemocracia é a idea e a práctica da colaboración de clase co capitalismo e o estado capitalista. Ademais, presentan esta liña como o avance seguro, pacífico, harmonioso, democrático e progresista cara ao socialismo, en contraste cos perigos dunha violenta revolución proletaria. A experiencia, porén, demostra que, lonxe de ser un avance ao socialismo, esta liña de razoamento e práctica conduce á violencia sen precedentes contra o proletariado, consolida a ditadura capitalista en xeral, e ten a súa culminación final, en certas circunstancias, coa vitoria do fascismo e a guerra imperialista.

O comunismo e a revolución proletaria ofrecen a saída deste inferno e desta carnizaría imperialista, desta opresión e explotación capitalista.

Comunismo ou fascismo?, esta é a opción á que se enfronta a clase obreira. A terceira vía ofrecida pola socialdemocracia so conduce, na análise final, á ruela sen saída do fascismo.

6. FASCISMO E DEMAGOXIA

Despoxado de todo subterfuxio e verborrea, de toda a súa embalaxe mística e absurda, o fascismo é a tentativa violenta do capitalismo decadente de derrotar á revolución proletaria e retardar o seu propio falecemento. O fascismo utiliza a demagoxia xa que non ousa declarar abertamente os seus obxectivos, xa que de facelo non conseguiría ningún apoio nas masas.

“O bolchevismo está a chamar á nosa porta. Non podemos permitir que entre. Debemos organizarnos contra el, poñer os nosos ombreiros xuntos na porta e aguantar. Debemos manter a nosa América unida, segura e impoluta. Temos que manter aos traballadores lonxe da literatura comunista e dos rusos comunistas; debemos asegurarnos de que as súas mentes permanezan sas” (Al Capone).

A apelación deste ladrón e gánster polo mantemento da orde social existente contra a ameaza bolchevique –revolución proletaria- é unha acaída introdución á ideoloxía do fascismo. Ningún dos dous, gánster e fascismo, poden proclamar, por razóns obvias, as súas verdadeiras intencións, que non son outras que o de protexer os intereses do capitalismo monopolista. Coa súa hipócrita moral permítense coidar da ‘incorrupta’ sociedade e conservar a ‘saúde’ das mentes dos traballadores. As fazañas dos gánster acompañadas pola propaganda inzada de altos tons morais son características dunha clase dominante nunha sociedade decadente que sobreviviu á súa utilidade histórica. Como Plekhanov correctamente observou:

“Marx dixo moi acertadamente que canto maior é o antagonismo entre as crecentes forzas de produción e a orde social existente, máis impregnada de hipocrisía está a ideoloxía da clase dominante. Ademais, canto máis queda ao descuberto a falsidade desta ideoloxía, máis sublime e virtuosa é a linguaxe empregada pola clase dominante...” (Problemas Fundamentais do Marxismo, 1929).

Coa chegada do fascismo, a hipocrisía e a falsidade notada por Marx acada proporcións demagóxicas extremas. A tarefa do fascismo de construír un movemento de masas, popular nas formas e reaccionario no contido, está caracterizada pola manipulación dos sentimentos atrasados e dos máis baixos instintos dos humanos, polo pouco escrupuloso do seu programa e polo descarno nos seus abruptos cambios e no rexeitamento das súas propias plataformas.

“A demagoxia”, como comentou Palme Dutt correctamente, “é a arte de aproveitarse das esperanzas e dos medos, das emocións, da ignorancia e do sufrimento do pobre para beneficiar ao rico e poderoso. É a peor das artes. É a arte do fascismo” (op. cit.).

Abonda con comparar o programa do fascismo coa súa realización na práctica para comprender o significado de demagoxia. Centrándonos na Alemaña, aquí o fascismo tivo que apelar ao socialismo e aos sentimentos anticapitalistas da clase obreira para poder subir ao poder e servir así ao capital. Por iso, xente como Krupps, Thyssens, Deterdings ou Hohenzollerns doaron enormes cantidades de diñeiro aos nazis para a súa propaganda ‘socialista’, da que coñecían moi ben a súa natureza enganosa. Por iso, entre os 25 puntos do programa nazi podemos atopar a abolición dos intereses, a confiscación de todas as ganancias da guerra, a nacionalización de todos os trust, a confiscación da terra sen ningunha compensación para proxectos comunais, o reparto de beneficios de todos os grandes negocios, e a pena de morte para usureiros e acaparadores.

Dise que cando dous devotos do nacionalsocialismo, crentes de cada palabra do programa nazi, se achegaron a Goebbels para que lles explicase como se ía levar á practica o punto de “rachar os intereses”, recibiron a brutal resposta de que probabelmente o único que ían “rachar” eran os cranios deses que se esforzaran por entendelo.

Mentres os astutos líderes das finanzas permanecían totalmente impasíbeis ante o programa nazi de “nacionalizar todos os truts”, os estúpidos terratenentes estaban alarmados polo punto do programa que falaba da “confiscación da terra sen ningunha compensación”. Para sufocar os infundados medos destes, os nazis inseriron explicacións no seu programa nas que deixaban claro que estas medidas non ían destinadas aos propietarios e grandes capitalistas.

De cando en vez, os nazis tiñan que tranquilizar a algúns capitalistas aos que a propaganda ‘anticapitalista’ dos nazis facía vacilar no seu apoio a estes. Podemos ver esta duplicidade e demagoxia nazi nunha carta escrita por un mando nazi en Dresden a un capitalista de Weimar, nun caso tan claro como común. Esta carta, que caeu nas mans dos opositores aos nazis en 1930, foi publicada. Isto era o que dicía: “Non se deixe confundir polas proclamas dos nosos carteis... Por suposto que hai lemas como: Abaixo o capitalismo!, etc.; pero son totalmente necesarios, xa que baixo a bandeira de ‘nacional alemán’, ou simplemente ‘nacional’, vostede ten que saber que nunca acadariamos os nosos obxectivos, non teriamos ningún futuro. Debemos empregar a linguaxe dos enfadados traballadores socialistas, ou eles nunca estarían do noso lado. Nós non traballamos cun programa directo por razóns de diplomacia” (Carta do líder do Partido Nazi en Dresden ao industrial Fritsche de Weimar, en Mowrer, “Germany puts the clock back”, p.150, citado en Palme Dutt, op. cit.)

Unha vez no poder, os fascistas impuxeron unha disciplina militar e draconiana aos traballadores, converténdoos en virtuais escravos do capitalismo. Mentres que a loita de clase fora abolida para os traballadores, no bando capitalista, lonxe de abolirse, continuaba a un ritmo acelerado. O código do traballo alemán, do 1 de maio de 1934, veneraba o poder autocrático absoluto do capital sobre o traballo botando man dun cinismo franco e brutal:

“O patrón, como líder da fábrica, e os traballadores e administrativos, como os seus seguidores, traballan conxuntamente para acadar os obxectivos e defender así os intereses comúns das persoas e do estado. As decisións do líder da fábrica son vinculantes para todos os seus seguidores”.

Por este código do traballo, todos os membros dos comités de traballadores foron substituídos por outros designados polo patrón en consulta co representante nazi na fábrica. Todos os convenios colectivos foron anulados. Os salarios debían ser fixados polo patrón en función da ‘rendibilidade’ do negocio. A última palabra en salarios e condicións laborais tíñana os “Fideicomisarios do Traballo”, designados polo goberno nazi. A natureza destes fideicomisarios queda clara se temos en conta que o magnate da industria Krupp foi nomeado “Fideicomisario do Traballo” para toda a área do Ruhr.

A auténtica esencia do estado corporativo fascista pode ser resumida como a destrución de todas as organizacións independentes da clase obreira, a abolición do dereito a folga, a intensificación da explotación e a completa escravitude dos traballadores aos capitalistas.

7. FASCISMO E GUERRA

Xa que o fascismo é a expresión violenta do capitalismo en crise, na súa política exterior, que busca espertar o máis obsceno dos chauvinismos, o fascismo significa guerra –unha guerra para a dominación.

“O fascismo non cre nin na posibilidade nin na utilidade dunha paz perpetua... a guerra eleva ao máis alto o poder humano e fai nobre á xente que ten o valor de encontrala” (Mussolini, A doutrina política e social do fascismo).

“Na guerra eterna a humanidade fíxose grande – na paz eterna a humanidade arruinaríase” (Hitler, Mein Kampf).

Do anterior non debemos concluír que estas tendencias son exclusivas do fascismo. Son, polo contra, comúns a todos os estados imperialistas. O fascismo deulles só a súa expresión máis consumada. De feito, os estados non fascistas – os Estados Unidos, Gran Bretaña e Francia – gastaron máis en armamento e teñen unha maior historia de pillaxe e violencia que os estados fascistas –Alemaña, Italia e Xapón. Unha das razóns do desenvolvemento de formas fascistas de goberno e dunha política exterior agresiva neste último grupo foi o feito de que o imperialismo alemán foi privada da súa ‘lexítima’ parte – en proporción ao seu potencial – de pillaxe mundial. A lei do desenvolvemento desigual do capitalismo que, como Lenin correctamente observara na súa notábel análise do imperialismo, conducira á Primeira Guerra Mundial, tamén conduciu á Segunda.

Mais, malia o perigo que representaban os estados fascistas para os estados imperialistas non fascistas, estes eran extremadamente brandos con eles. E isto por tres razóns:

A primeira era que eles consideraban o fascismo como un baluarte contra o comunismo e a revolución proletaria. Vémolo nun discurso sincero de Lloyd George o 22 de setembro de 1933:

“ Se o poder tivera éxito no derrocamento da Alemaña nazi, que viría despois? Non un réxime conservador, socialista ou liberal, senón un réxime dun comunismo extremo. Seguramente este non será o seu obxectivo. Unha Alemaña comunista sería infinitamente máis impoñente que unha Rusia comunista. Os alemáns saberían dirixir o seu comunismo con eficacia. Por iso todos os comunistas do mundo, desde Rusia até América, pregaban para que as nacións occidentais obrigaran a Alemaña a ir cara a unha revolución comunista. Suplico ao goberno que proceda cautelosamente” (The Times, 23 de setembro de 1933).

Segundo, o desexo do imperialismo ‘democrático’ de utilizar os estados fascistas como un instrumento de agresión e un ariete contra a URSS, para así conseguir os dous obxectivos xemelgos de derrotar o socialismo na Unión Soviética e saciar a fame do imperialismo alemán por colonias a expensas da URSS, máis que a expensas dos estados imperialistas ‘democráticos’. Foron animados enormemente para seguir esta política polo propio Hitler, quen afirmou:

“Paramos a eterna marcha cara ao sur e o oeste de Europa e volvemos a ollada cara ás terras do leste... Se falamos de terra en Europa hoxe só podemos pensar, en primeiro lugar, na Rusia e nos seus estados fronteirizos” (Mein Kampf).

Terceiro, desatando unha guerra entre Alemaña e a Unión Soviética, os imperialistas ‘democráticos’ confían debilitar por completo aos dous países, para nese momento poder intervir – no ‘interese da paz’, por suposto – e imporlles unha paz paralizante.

Esta política non se resolveu de acordo co plan. As contradicións e as rivalidades interimperialistas foron máis fortes que o seu odio común ao comunismo e á URSS. A Segunda Guerra Mundial comezou como unha guerra interimperialista. Cando rematou, a Alemaña fascista fora aniquilada e varias Democracias Populares naceran no leste e no centro de Europa. Pouco tempo despois, China, a República Popular Democrática de Corea e a República Democrática de Vietnam fixeron medrar o campo socialista. Todas estas vitorias dos pobos do mundo foron a expensas do imperialismo. E todas estas vitorias foron criminalmente malgastadas pola vitoria do revisionismo kruchevista no Partido Comunista da Unión Soviética, que provocou a queda do socialismo e a desintegración da outrora gloriosa URSS.

8. AS BASES DAS LIBERDADES DEMOCRÁTICAS NOS ESTADOS IMPERIALISTAS

As ‘liberdades democráticas’ no corazón do imperialismo son construídas grazas á escravitude colonial e ao botín imperialista. Pero cando esta base é minada por movementos revolucionarios antiimperialistas e pola crise económica do capitalismo, coa conseguinte diminución das ganancias, a burguesía dos estados imperialistas vese na obriga de atacar á clase obreira, retirar as concesións, suprimir verdadeiras reformas e introducir ‘reformas’ que acaban cos beneficios da clase obreira do período posterior á Segunda Guerra Mundial, intensificando así a loita de clase e o espertar revolucionario da clase obreira. Co colapso da antiga Unión Soviética e das Repúblicas Populares, a burguesía colle valor para intensificar estes ataques. Nalgúns estados, como por exemplo Gran Bretaña, Alemaña, Francia e Italia, estes ataques son realizado a través de gobernos socialdemócratas, o que está axudando a destapar á socialdemocracia, incluso con máis forza que antes, como o axente da burguesía, algo que acontece desde 1914. Se a crise económica do imperialismo vai a máis, e as accións da socialdemocracia ao servizo do imperialismo causan unha ampla desilusión entre o proletariado, como seguramente aconteza nalgún momento, e a condición de que exista unha xenuína vangarda marxista-leninista, a burguesía destes estados imperialistas, por exemplo Gran Bretaña, considerada até agora como un modelo de democracia, veranse na obriga de buscar novas formas para asegurar a permanencia do seu poder. No caso de xurdir estas circunstancias, a burguesía, sen moita vacilación, camiñaría cara a métodos terroristas, cara ao fascismo. Deixaría de lado as formas parlamentares que, esgotadas e desacreditadas, non lles servirían de moito.

9. SON ESTADOS COMO GRAN BRETAÑA, FRANCIA OU OS ESTADOS UNIDOS ALLEOS AO FASCISMO?

Aqueles que din que o fascismo é alleo aos Estados Unidos, Gran Bretaña, Francia, etc., por mor das profundas raíces das súas institucións parlamentarias ou que o "particular carácter nacional" destes estados impedía que o fascismo tivera éxito, amosan unha ignorancia total do imperialismo e das contradicións que o guían e que son inherentes a el. A forza subxacente das institucións 'democráticas' nos Estados Unidos, Gran Bretaña e Francia é explicada pola súa riqueza e a posición privilexiada que ocuparon durante tanto tempo. Explícase polo botín do imperio por mor da superexplotación imperialista, que posibilitou concesións por parte da burguesía á clase obreira, o que adiou o crecemento dun movemento obreiro revolucionario. Coa desaparición desa posición privilexiada, as clases dirixentes deses estados, de darse as condicións acaídas, son quen de mandar ao lixo as súas santas, democráticas e tradicionais institucións, para apertar o fascismo, como foi o caso das burguesías alemá, austríaca, italiana e xaponesa. Abonda con ollar para a incesante campaña que a través da prensa 'libre' os gobernos dos estados imperialistas, así como os partidos burgueses da oposición, alimentan contra dos inmigrantes e as persoas que buscan asilo para comprender que estas non son accións de gobernos e institucións 'democráticos', nin dunha prensa 'libre', senón o delirio dos representantes dun sistema moribundo e decadente - o capitalismo monopolista - quen, sen ningunha clase de escrúpulo ou conciencia, afogarían en sangue a millóns de persoas para así retardar artificialmente o falecemento próximo deste noxento sistema, que leva moito tempo atormentando á humanidade, facendo que se arrastre entre a sucidade e o sangue, e que, só no século vinte, reclamou a vida de 100 millóns de persoas para o matadoiro das guerras imperialistas, por non falar das 20 millóns de persoas que mata indirectamente cada ano por mor da desnutrición, as enfermidades e a fame. É máis, un tan só ten que coñecer a historia de Gran Bretaña, Francia e os Estados Unidos durante os tres séculos pasados para comprender que no emprego da violencia, na casa e no estranxeiro, non teñen nada que aprender da clase dirixente de calquera estado fascista, Alemaña incluída. As masacres cometidas en Corea e no Vietnam por estes poderes imperialistas, especialmente os Estados Unidos, o bombardeo da República Iugoslava, ou o bombardeo continuado durante dez anos de Iraq desde a fin da guerra do Golfo - limitándonos só a estes tres exemplos - converten en pequenos os vergoñentos e horrorosos crimes nazis. Para afirmar que as clases dirixentes que cometeron estas matanzas nunca botarían man do fascismo compre vivir no país das marabillas, absolutamente á marxe da realidade.

Os principais representantes destas clases dirixentes presuntamente democráticas, lonxe de amosar repulsa cara aos movementos e réximes fascistas, déronlles unha entusiasta benvida. Pouco tempo despois de dirixir o golpe de Estado, en 1923, Mussolini foi galardoado pola coroa británica co título de Cabaleiro Comandante da Moi Honorábel Orde de Bath(5) en recoñecemento dos seus servizos á contrarrevolución. Chamberlain mantivo estreitas relacións con Mussolini. Churchill, mitificado pola propaganda burguesa como 'loitador antifascista', durante un discurso en Roma, expresou a súa defensa do fascismo nas seguintes palabras:

"Se fose italiano, estou certo de que o acompañaría de principio a fin na súa vitoriosa loita contra os apetitos e as paixóns bestiais do Leninismo" (Churchill, “Adress to The Roman Fascist”, xaneiro de 1927, citado en Salvemini, The Fascist Dictatorship, p.204 e reproducido en Palme Dutt, op. cit.).

Tamén Sir Alfred Mond, fundador da Imperial Chemical Industries e autor dos Informes Mond-Turner para a colaboración entre clases(6) , fixo unha explícita defensa do fascismo nunha entrevista en Roma:

"Admiro o fascismo porque acerta no camiño cara á paz social. Traballei durante anos en acadar esa mesma paz no sector industrial en Inglaterra... O fascismo camiña cara á realización dos meus ideais políticos, a saber, facer que todas as clases colaboren lealmente" (Daily Herald, 12 de maio de 1928).

Monde, un amante do fascismo, era admirado pola dirección do Trades Union Congreso (TUC). Incluso Citrine(7) chegou ao descaro de defender non só o dereito de Monde de ser un fascista senón tamén a necesidade dunha alianza do sindicato con el.

O magnate da prensa, Lord Rothermere, defendía á Unión Británica de Fascistas (BUF) de Mosley pola razón de poder este representar "un partido ben organizado preparado para asumir os asuntos nacionais coa mesma franqueza de obxectivos e cos mesmos métodos enérxicos que Hitler e Mussolini amosaron" (Rothermere, Daily Mail, 15 de xaneiro de 1934).

É sumamente significativo que a BUF de Mosley, o partido fascista británico, tivese a súa orixe directa no Partido Laborista. Cando Mosley abandona o Partido Conservador, ingresa no Partido Laborista en 1924. Posuidor dunha vasta riqueza e con influentes relacións, que sempre axudan nos partidos burgueses, incluído o Laborista, tivo un ascenso meteórico. En 1927 é elixido para o Comité Executivo laborista, designando a un Ministro no goberno laborista en 1929. En 1930 dimite alegando a pasividade do goberno laborista ante o ascenso do desemprego. Na súa capacidade ministerial, elaborou o coñecido como Mosley Memorandum, que contén o primeiro bosquexo dunha política fascista para a reconstrución do capitalismo británico.

Como o goberno, caracterizado como estaba pola súa pasividade, non respondeu favorabelmente, malia a natureza non socialista do Memorandum, Mosley apelou á Conferencia do Partido Laborista en 1930, onde conseguiu 1.046.000 votos fronte ao 1.251.000 da Executiva. En todo caso, foi reelixido para a Executiva. Na primavera de 1931 pon en marcha o New Party. Este partido abrazou abertamente o fascismo en 1932, trocando o seu nome polo de BUF. O New Party formárono 6 deputados laborista e un deputado conservador, que publicaron un chamamento ás masas patrióticas para pasar á acción.

O Partido Comunista de Gran Bretaña era o único que advertía das tendencias fascistas implícitas no Memorandum de Mosley. Pola súa banda, os políticos da esquerda laboristas ratificaron o seu apoio. O órgano de expresión do Partido Laborista Independente, The New Leader, opinaba sobre Mosley: "En xeral, como se sabe, o seu esquema sigue as liñas do Partido Laborista Independente" (10 de outubro de 1930, citado en Palme Dutt, op. cit.).

O 7 de novembro de 1930, Fenner Brockway, un dos dirixentes do Partido Laborista Independente, escribe en The New Leaeder:

"Entre as ideas do Partido Laborista Independente e o pequeno grupo de Mosley hai moito en común... Dentro de pouco poderemos ver unha rebelión dos membros máis xoves dos tres partidos contra os métodos e o espírito da vella xeración" (The Ferment of Ideas).

O Manifesto de Mosley de decembro de 1930, no que formalmente se rexeita o socialismo e se reclama unha ditadura para levar acabo unha agresivo política de reconstrución capitalista, conta coas sinaturas de 17 deputados laboristas, incluíndo a 5 do Partido Laborista Independente.

A Unión Británica de Fascistas de Mosley foi quen de gañar forza grazas á conivencia e o apoio directo do estado, os mandos da policía e a grande burguesía. Esta é a experiencia doutros estados imperialistas. En cada caso o fascismo foi nutrido e axudado no seu crecemento, nalgúns países para asumir o poder, pola burguesía e o estado. Nunca o ascenso do fascismo foi en contra dos desexos da burguesía e o estado. Creceu grazas ás formas de democracia burguesa, ao reforzamento sistemático, metódico e gradual do aparello coercitivo estatal, á posta en marcha de medidas de emerxencia e a restrición dos dereitos da clase obreira, nun proceso acelerado poderosamente polas ilusións reformistas xeradas pola socialdemocracia que paralizan a vontade da clase obreira para resistir. Cando o terreo está ben preparado polas condicións da democracia burguesa, e o movemento obreiro desorganizado e inactivo, é cando a burguesía asesta o golpe final coa posta en marcha da ditadura fascista.

"O fascismo", dixera Clara Zetkin en 1923, "é o castigo ao proletariado por non lograr continuar a revolución comezada na Rusia". Mais, aínda que o poda intentar, o fascismo non é quen de resolver as contradicións do capitalismo e, polo tanto, non pode evitar o seu derrubamento. A chegada do fascismo á escena política representa a intensificación extrema das contradicións do capitalismo; é unha indicación do seu grao de parasitismo e decadencia, como tamén da súa natureza moribunda. Incapaz de conservar o seu poder mantendo as formas parlamentares, o capitalismo quita a máscara e, deixando a un lado as formas 'democráticas', combate á clase obreira coa súa ditadura aberta, núa e terrorista, nun esforzo por prolongar a vida dun sistema historicamente condenado. Facendo isto, a burguesía ofrece unha excelente lección de loita de clases, xa que se ve obrigada a predicar ás masas o desprezo polos métodos legais e pacíficos que até o momento foran a mellor protección do capitalismo. Revélanse entón as verdades que antes ocultaba a burguesía e a súa corte socialdemócrata, liberal e conservadora, a saber, que o verdadeiro poder de clase reside fora do parlamento; que todas as frases suaves, hipócritas e refinadas sobre o poder das reformas e do parlamento, coas que a burguesía até agora adurmiñara á clase obreira, eran "de feito, palla para enganar ao pobo” (Lenin, The Constitutional Crisis in England, 1914), O parlamento pode ser derrubado bruscamente pola burguesía, na que reside o poder verdadeiro.

Debido a que as condicións para a institución do fascismo son creadas pola clase dirixente dentro da cáscara da 'democracia' burguesa, a loita contra o fascismo non pode ser protagonizada por unha clase obreira que confíe nesta 'democracia' burguesa como unha defensa contra o fascismo. Esta loita só pode ter éxito se a leva a cabo unha clase obreira unida e decidida a combater todos os ataques do capital financeiro no campo económico e político: contra as leis antisindicais e os recortes de salario; contra as suposta lexislación antiterrorista; contra as leis racistas de inmigración e asilo que tan só buscan sementar a división na clase obreira, culpando ás propias vítimas da pillaxe das que non son máis que consecuencias do capitalismo; contra a defensa das guerras imperialistas; contra as restricións á liberdade de expresión; etc...

Canto máis forte é a resistencia da clase obreira contra os ataques do capital, máis difícil para este é abrir as portas ao fascismo, coa vantaxe engadida de que esta resistencia é decisiva para acabar coas dúbidas da pequena burguesía e facer que se sitúe do lado da clase obreira. Loitando con grande determinación e tenacidade polo dereito democrático de organizarse dentro da orde existente, a clase obreira non debe esquecer nunca a dura realidade de que a democracia burguesa é simplemente a máscara coa que a burguesía disfraza a súa ditadura, e que é dentro das formas da democracia burguesa onde o movemento fascista é alimentado polo capital. A democracia burguesa, en certas circunstancias e condicións, crea o fascismo. Canto maior foi a fe da clase obreira na legalidade burguesa e as formas democrático burguesas, e canto maiores foron os sacrificios na defensa da orde existente como un ‘mal menor’ á ameaza do fascismo, máis fortemente os capitalistas propulsaron o avance fascista. As leccións na Alemaña e Italia, que destrúen o fraudulento lema de “Democracia contra Ditadura”, nunca deberían ser esquecidas pola clase obreira. Clase que pode e debe gañar rexeitando a mentalidade escrava – o selo da ideoloxía reformista - e asir con forza a bandeira do marxismo revolucionario, avanzando con determinación cara a realización da súa misión histórica: derrocar o capitalismo e poñer o socialismo no seu lugar. Así, a opción para a clase obreira é clara: Ditadura do proletariado ou barbarie fascista.

O grande soño da burguesía, por medio do fascismo se é necesario, é exterminar o socialismo e o movemento da clase obreira revolucionaria. Durante os pasados 150 anos, houbo ducias de tentativas neste sentido. Cada vez que os seus opositores declararon que estaba vencido, o socialismo volveu renacer con vigor anovado. Malia as enormes perdas dos anos 80 e 90, non será diferente desta vez. Como dixo Marx:

“Onde a loita de clases acade certa consistencia, sexan cales sexan as formas e as condicións nas que se produza este feito, é lóxico que os membros da nosa Asociación (a Primeira Internacional) aparezan na vangarda. O terreo onde agroma a nosa Asociación é a propia sociedade moderna. Non é posíbel exterminala, por grande que sexa a carnizaría. Para facelo, os gobernos terían que exterminar o despotismo do capital sobre o traballo, base da súa propia existencia parasitaria” (Guerra civil na Francia).

Independentemente das torturas que a burguesía infrinxe á clase obreira, independentemente da destrución que eles crean, independentemente da dureza da loita, afrontamos o futuro coa confianza, a certeza e o optimismo dunha clase crecente destinada a conquistar o poder. Achegámonos ao futuro con total desprezo polas grotescas accións dun inimigo condenado, decadente e parasito, ao berro de loita do proletariado internacional: “Axuntémonos todos, é a loita final. O xénero humano forma a Internacional”.

Notas

[1] NdT. Ampliamos a cita: "O imperialismo é a época do capital financeiro e dos monopolios, que levan aparellada por todas partes a tendencia á dominación e non á liberdade. A reacción en toda a liña, independentemente do réxime político; a exacerbación extrema das contradicións tamén nesta esfera: este é o resultado desa tendencia. Intensifícase particularmente a opresión nacional e a tendencia ás anexións, isto é, a violación da independencia nacional (pois a anexión non é senón a violación do dereito das nación á súa autodeterminación)", Lenin, Imperialismo, fase superior do capitalismo.
[2] NdT. Folgas en Inglaterra contra a medida do goberno de Margaret Thatcher de pechar a maioría das minas.
[3] NdT. Personaxe da mitoloxía grega que obrigaba aos viaxeiros a deitarse nunha cama de ferro, cortando ou estirándolles as pernas até axustalos ás medidas do leito.
[4] NdT. Milicias militares creadas por Hitler en 1921 para axudalo na súa conquista do poder. Co tempo foron eclipsadas polas SS.
[5] NdT. Orde de Cabalaría fundada por Xorxe I en 1725. O nome fai referencia á cerimonia de nomeamento do cabaleiro, que incluía o baño como símbolo de purificación. Outros anticomunistas membros honorarios da Orde foron Reagan, Walesa ou Bush (pai).
[6] NdT. O Trades Union Congress quería acabar coas folgas como método de loita obreira. En 1927 propúxolle á patronal inglesa celebrar encontros entre as dúas partes para buscar mecanismos para a resolución rápida dos conflitos laborais. Alfred Monde e outros 21 patróns aceptaron. En 1928 comezaron estas reunións que se coñeceron como as negociacións Mond-Turner (Ben Turner era membro do Consello Xeral do TUC en 1928).
[7] NdT. Walter Citrine foi Secretario Xeral do TUC desde 1926 até 1934.



ecoestadistica.com